Monday 29 de April de 2024

O Concello de Noia felicita ao atleta local Ramón Pérez polos seus éxitos deportivos desta tempada


O alcalde de Noia, Santiago Freire, ofreceu este mediodía unha recepción a Ramón Pérez, atleta local que acumula numerosos éxitos nas competicións nas que participa. Pérez estivo acompañado neste acto pola súa nai, Concepción Rodríguez.

Santiago Freire manifestou a satisfacción do Concello por poder ofrecer “un recoñecemento moi merecido para Ramón e para a súa familia, que ante unha situación de discapacidade souberon apostar polo deporte e polo adestramento constante cun esforzo e valía que agora se traduce en éxitos deportivos e tamén na súa felicidade persoal”.

O rexedor afirmou que o Concello de Noia continuará colaborando e apoiando a actividade deportiva de Ramón Pérez para que siga colleitando novos éxitos. Freire remarcou que “o traballo que están realizando Ramón e a súa familia merece que sexa coñecido por toda a veciñanza”.

Concepción Rodríguez, nai do homenaxeado, afirmou que “a traxectoria do meu fillo como deportista ten como fórmula o traballo e o esforzo, ningún segredo máis, ademais dunha serie de persoas que vas atopando ao longo da vida e que son claves para que os éxitos cheguen, unha vez que se traballou todo o posible e un pouco máis”.

Éxitos de Ramón Pérez
Entre os triunfos acadados polo atleta noiés destacan, só na última tempada, a medalla de ouro na proba de 3.000 metros e a de prata na de 1.500 metros do Campionato Galego de Atletismo en Pista ao Aire Libre. Tamén as medallas de prata no Campionato de Galicia de Cross Curto 3.000 e no Campionato de España de Comunidades de Cross Longo 5.000, así como a de bronce na proba de 5.000 no Campionato de Pista ao Aire Libre por Comunidades.

Xa no recente Campionato de España de Pista ao Aire Libre por Clubes, no que participaron as catro federacións de persoas con discapacidade (físicos, paralíticos cerebrais, visuais e intelectuais), Ramón Pérez foi campión da súa categoría T20 na proba de 10.000 e subcampión de todas as categorías, campión da súa categoría en 1.500, e subcampión en 800.

Na actualidade, Pérez Rodríguez está agardando a convocatoria para a Selección Española de Atletismo. Ten a Pedro Nimo del Oro como adestrador no Club 3&Run by Pedro Nimo.